Mery Villar, unha laxense con gasolina correndo polas veas
A historia de amor de Mery Villar e o mundo do motor é relativamente curta pero moi intensa e dende Diario Deportivo quixemos falar con esta laxense para coñecer un pouco máis desta aventura automobilística.
David Castro (Director de Diario Deportivo) / Fotos: Adri Sánchez e Diario Deportivo
María Villar Garrido (Laxe, 20 de xullo de 1991), máis coñecida como Mery, é unha rapaza que se atopou cun dos amores da súa vida, relativamente tarde, con 22 anos; momento no que xunto cun grupo de amigos puxo rumbo a Portugal para vivir o seu primeiro rallycross como espectadora, onde comezou unha historia de amor por un deporte como é o motor, máis concretamente os rallys.
A raíz disto, o gusaniño do automobilismo foille picando progresivamente a Mery e esta laxense comezou matándoo con outra das súas paixóns, a fotografía, alá por onde había unha proba automobilística.
Pero despois de seis anos recorrendo circuítos e diferentes lugares onde se disputaban os rallys, chegou un punto de inflexión para Mery Villar na súa vida automobilística cando José Luis García lle propuxo ser a súa copiloto, oportunidade que non deixou pasar xa que as súas ganas por vivir unha carreira dende dentro eran inmensas.
A pesares de que nun primeiro momento, sentiu un gran respecto polo paso que estaba dando; a boa adaptación a esta nova faceta e a gran relación que se forxou entre piloto e copiloto, fixo que todo fose moito máis fácil, tanto para ela como para un José Luis García no que Mery ten confianza cega cada vez que se sube ao Renault Clío Williams co que participan en cada unha das probas.
A paixón de Mery polo automobilismo é tal, que non dubida en poder poñerse ao volante dun coche, aínda que polo de agora, vese máis como piloto no mundo do autocross ou en algunha que outra subida, mais ca en rallys, xa que quere ir de menos a máis e pasiño a pasiño para pisar sempre sobre seguro.
Nun futuro próximo, máis concretamente na fin de semana do 23 e 24 de novembro, José Luis García e Mery Villar afrontarán o rallymix de Barbadás.
E no que respecta a Mery a nivel individual, gustaríalle probar no autocross, senón se lle fai imposible compaxinar as diferentes carreiras co seu traballo e os seus estudos, pase o que pase e decida o que decida, dende Diario Deportivo estaremos pendentes para saber que é da carreira automobilística desta laxense con tanto futuro no mundo do motor.