O Fisober B volve á senda da vitoria ante o Ulla Oil Vedra
Despois de acariñalo nas últimas semanas, por fin volveu a caer un triunfo do lado do Fisober B, logo de que o filial costeiro superase ao Ulla Oil Vedra.
Info do departamento de prensa do Fisober FSF
Fisober FSF 4 – 1 Ulla Oil Vedra FSF
Fisober FSF: Naira, María Maroñas, Andrea, Kenny e Paula Fandiño (cinco inicial). Tamén xogaron: Serena, Lucía Canosa e Nerea.
Ulla Oil Vedra FSF: Laura, Ainoa, Vane, Bea e Irene (cinco inicial). Tamén xogaron: María e Noemi.
Goles: 1-0 m.13: Serena; 2-0 m.19 Nerea; 3-0 m.23: Paula Fandiño; 4-0 m.37: Nerea; 4-1 m.39: Irene.
Árbitro: Daniel Blanco (Colexio santiagués) auxiliado por Melanie Escalona.
Incidencias: Partido correspondente á decimoquinta xornada do Grupo de A Coruña da Primeira Galicia disputado no Pavillón Municipal das Instalacións Deportivas de O Conco (Dumbría).
Saía con presión alta o filial costeiro, mentres que o Vedra esperaba en media pista e as primeiras ocasións claras foron para as visitantes á contra que resolvería Naira.
Froito da presión abafante do Fisober B, Serena roubaría un balón para marcar o primeiro gol local mediada a primeira metade e poñer por diante ás súas.
Tras isto, o Vedra aumentou o seu ritmo de xogo pero outro roubo do Fisober B neste caso da infantil Nerea, remataba co 2-0 despois de que a xove xogadora definise á perfección para aumentar a vantaxe no luminoso.
O filial costeiro quería máis e nun pase ao espazo, Serena rematou de calcaño con moito perigo. Tamén o intentaría Paula Fandiño pero o seu tiro foi desviado pola porteira visitante. Unha Paula Fandiño que a falta de dous minutos para o descanso facía o 3-0 ao materializar unha gran xogada individual.
O Vedra respostaba cun pase á pivote que tamén remata de calcaño con moito perigo. Remataría a primeira metade cunha ocasión de Serena despois do rexeite a un tiro de Nerea.
O segundo tempo comezaría cunha ocasión a prol das visitantes que se quedaría en nada e á que respostaría o filial cunha ocasión de Nerea a pase dunha Kenny que tamén gozaría da súa oportunidade pero atoparíase coa porteira visitante.
Despois chegarían dous lanzamentos ao pau, primeiro para as visitantes e a resposta local chegaría por parte de Lucía Canosa e no rexeite desta ocasión, Andrea tampouco era quen de marcar.
Mediada esta segunda metade, a infantil Nerea aproveitaba para facer o seu segundo gol e o cuarto do seu equipo. Non tardou en respostar o equipo visitante por mediación de Irene para facer o 4-1 definitivo.
Case voltan a reducir diferenzas as visitantes pero Naira paraba o remate de cabeza. Mentres que o filial respostaríal cun novo lanzamento ao pau desta vez de Paula Fandiño e cunha boa ocasión de Kenny.
Había ocasións para os dous equipos co partido volvéndose un pouco tolo, Serena tería o quinto pero non acertaría.
Antes do pitido final, dúas novas ocasións de Paula Fandiño e Serena puxeron o punto e e final a un partido que remataría con triunfo do filial.